jueves, 11 de octubre de 2012

A protagonista da semana: SABELA


Na aula de 6ª de E. Infantil  (5 anos),  seguimos  co Proxecto
“O PROTAGONISTA DA SEMANA”!
A semana do 1 ao 5 de outubro, a protagonista foi SABELA.
O luns, día 1, na asemblea, Sabela foi nomeada protagonista e, durante toda a semana, fomos coñecendo cousas propias dela coma: os seus apelidos, data de nacemento, as súas cousas favoritas, o seu peso, medida, talla, nº de zapato, enderezo, etc.; tamén vimos moitas fotos de cando era bebé, cando está coa súa familia, das viaxes, festas, etc. E con todo isto, foise enchendo o recuncho do protagonista da nosa aula.
O venres día 5, recibimos a visita dos pais de Sabela na aula.
 Foi outra mañá chea de sorpresas, pasámolo moi ben!  E, deste xeito, coñecimos un pouco máis a nosa compañeira e a súa familia.
Comezamos cunha sesión de fotos nun power point que Manuel, o papá, e Sabela nos ensinaron e así puidemos ver como era a nosa protagonista nas distintas idades, dende que naceu ate o de agora... e canto medrou! Ademais, vimos o contenta que estaba facendo unha chea de cousas que lle gustan e con outros membros da familia que non coñeciamos.
A continuación, ela e a súa mamá contáronnos o conto “Pequeno azul, pequeno amarelo” de Leo Leonni,  e todos participamos cos círculos desas cores que nos trouxeron.
Despois o papá, axudado por Sabela, contounos o conto “Nadarín”, do mesmo autor. Gustounos moito e todos participamos pegando os peixiños pequenos no mural do peixe grande.
Os compañeiros tiñan curiosidade por saber cal era o seu traballo e para explicarllo trouxeron á aula dous microscopios, xa que a mamá de Sabela traballa nun laboratorio e a Sabela encántalle ese traballo.
Foi toda unha experiencia poder observar unha avespa, un anaquiño da pel dunha serpe (que antes nos amosaron enteira) e unha gota de auga sucia dunha charca; tamén puideron observar microbios e bacterias que non se ven a simple vista. Foi alucinante!
Os papás de Sabela contáronnos que cando está na casa é moi responsable e colaboradora, que pon a mesa, fai a súa cama, que lle gusta colaborar na cociña pero, sobre todo, que lle gusta moito comer. Tamén lle gusta cantar e sabe moitas cancións que cantan xuntos. 
E xa para rematar a visita, a familia repartiu uns doces agasallos que nos encantaron: unhas pastas e uns bombóns feitos por eles que ata daba pena comelos do bonitiños que eran, como podedes ver nas fotos. Por outra banda, recibimos un nini-contiño de Kalandraka para que sigamos a ler na casa. 
Para agradecer a súa colaboración e implicación no proxecto, lles entregámos un diploma para toda a familia e un gran aplauso.
GRACIÑAS!

miércoles, 10 de octubre de 2012

1, 2, 3, 4... Samaín

Continuamos coas actividades dixitais dirixidas ao repaso dos números 1, 2, 3 e 4.
Aproveitando a celebración da festa do Samaín durante o mes de novembro, poderemos traballar nas aulas con este recurso, así que aquí o deixamos para compartir con todos os nosos usuarios e usuarias.
Coma sempre, deixamos tamén os "pantallazos" das actividades. Lembrade que o arquivo dixital soamente funciona se temos o programa instalado no PC. Os que non dispoñades do mesmo, poderedes imprimir as páxinas e xogar no papel.


jueves, 4 de octubre de 2012

Prantamos carballos

Hoxes, xoves 4 de outubro, os nenos e nenas de 4 anos estivemos a facer unha prantación.
Como ben sabedes, estamos a traballar co conto "Xaime e as landras" e decidimos facer como o protagonista do mesmo; así, nos puxemos en marcha, falamos co mestre Bieito para que nos axudase e, hoxe por fin, puidemos realizar a prantación dos nosos futuros carballos.
Para comezar, precisamos area, terra, un pouquiño de auga e, como non, as landras.
Contamos coa axuda do alumnado de 3º de primaria que nos botou unha man nas tarefas a realizar. 
O proceso foi o seguinte: 
1. Botar un pouco de area no envase de plástico.
2. Botar un pouquiño de terra.
3. Colocar a landra.
4. Voltamos a poñer area.
5. Poñemos terra.
6. Botamos un pouquiño de auga e... listo!!!
Agora, os nosos futuros carballos xa están preparados para medrar. Soamente precisan de calor, sol e moita paciencia.
Xa vos contaremos como vai o proceso así que seguide atentos e atentas ao blog.