lunes, 29 de abril de 2013

A protagonista da semana: ANA

A semana, do 22 ao 26 de Abril, a protagonista foi:
ANA


Ao longo da semana, fomos coñecendo un pouco máis á nosa compañeira Ana: os seus apelidos, onde vive, os seus gustos... e tamén estivo encantada de poder amosarnos algunhas das súas cousas favoritas: peluches, roupa, conto...

Como de costume, ensinounos fotos de cando era bebé e amosounos o pequeniña que era a súa roupa; coa cinta métrica comprobamos cánto medrou e o panel se foi enchendo coas súas cousas.
O venres 26, tivemos a visita na aula da súa familia. Os seus papás, Paqui e Chema. Como a súa irmá xemelga, Marina, xa estaba na clase, so faltaba o irmán maior, José Luis, que coñecemos polas fotos.


Ana amosoulles o traballo realizado durante a semana e, a continuación, os compañeiros/as comezaron a exercer de reporteiros facendo as preguntas de costume: os nomes, os traballos, cousas que Ana fai na casa, como era de bebé, etc.


Así, soubemos que Ana de bebé durmía moito e que espertaba puntualmente cada tres horas para comer.Que agora que medrou, non para de xogar, que lle gusta moito debuxar, que lle encanta ir á praia, saír e pasear, e, en xeral, encántalle todo o novo.Tamén lle gusta ver debuxos na tele; os seus preferidos son: Pepa Pig, Dora Emon, Bob Esponja... e todas as pelis de Disney.


Tamén soubemos que a familia do papá é do País Vasco e que alí se fala o euskera, e ate nos ensinou a dicir algunhas palabriñas nesa lingua. Por exemplo, que "avó" se di "aitona", "avoa" dise "amonia", profe é "andereño", etc. Pareceunos moi curioso e un pouco difícil ese idioma.


A continuación, Chema, o seu papá, confesounos que tiña poderes máxicos, que coa mente podía facer que se movan pequenos obxectos, e todos quixemos que nos fixese unha demostración. Así que case sen decatarnos asistimos asombrados a unha estupenda sesión de maxia.

Comeza a sesión cun número do “palillo que salta", despois de que o mago  lle dedique un minuto de concentración.


No “boli máxico", o mago Chema consigue que o tapón atraia ao boli.  


Nas "gotas máxicas", cuns palillos colocados nunha bandexa, bótalle unhas gotas máxicas e pouco a pouco vaise formando unha estrela!


Nos "brazos que se abren sos", por quendas, o mago suxeita os brazos dalgúns dos nenos e nenas, e tamén das profes, conta ata dez e... os brazos abrense sos, como se tivesen un resorte. (Claro que hai que estar moi concentrado. Nalgúns casos non funciona!) 


Foi unha expriencia máxica. Todos querían máis! Pero o mago Chema prometeu que si nos portabamos ben pode volver con máis maxia a vindeira semana. A ver se o conseguimos!


E para rematar esta sesión, Ana e a súa familia repartiron uns agasallos que acabaron de facer as delicias dos presentes.


 E, como sempre, antes de rematar esta visita entregámoslle un diploma como recordo desta semana e  despedímolos cun merecido aplauso.                              
GRACIÑAS

No hay comentarios:

Publicar un comentario