viernes, 7 de noviembre de 2014

"Corre corre, cabaciña"

O pasado xoves, 30 de outubro, celebramos na escola o Samaín e, dende entón, tiñamos pendentes de publicar estas imaxes que hoxe forman parte desta entrada.
Ademais da mostra de cabazas tenebrosas, da que xa falamos aquí, o venres, na aula de música, realizamos unha actividade moi divertida na que o conto "Corre corre, cabaciña" foi o protagonista. 
Así, todo o alumnado de educación infantil reuniuse neste espazo (ambientado soamente cunhas pouquiñas de velas e a luz do retroproxector) e alí pasou unha sesión moi especial de historias, música, diversión e Samaín.
O primeiro que fixemos foi escoitar e visionar o conto nun vídeo que se proxectaba sobre a pantalla. O conto xa o coñeciamos porque o traballaramos con anterioridade nas clases de música. Neste vídeo de youtube tamén poderelo ver:
 Unha vez rematada a historia, todos e todas interpretamos a canción do conto cos xestos que xa coñeciamos e que realizamos conxuntamente. Foi moi divertido! Pasámolo pipa! Tamén os deixamos o vídeo de youtube:
Por se queredes máis información sobre o conto, aquí vos deixamos co resumo da historia e os datos desta publicación da editorial OQO.

CORRE CORRE, CABACIÑA
Eva Mejuto & André Letria

84-96573-65-6

36 páxs. | cartoné | 25x23 cm |

setembro 2006

Non vin vella nin velliña,
nin velliña nin vellón.
Corre corre, cabaciña.
Corre corre, cabazón!,
respondía á cabaza que ía rodando polo camiño,
ante a mirada estupefacta do lobo, do oso e do león.
Quen estará dentro dela, facendo burla das tres feras?

Corre corre, cabaciña é un conto popular portugués, de gran tradición no país veciño, mais que aínda non fora editado en galego. Relata a historia dunha velliña que, de camiño ao casamento da neta, atopa un lobo, un oso e un león que a queren comer. Ela convence os animais para que a esperen á volta do convite e, despois da celebración, a neta e a velliña argallan algo moi orixinal para burlar as tres feras.

Ben que baixo denominacións diversas: A vella e os lobos, O macaco e a cabaça (na versión brasileira), A cabacinha ou A vella que ia na calabaça e encontrou um lobo, Alice Vieira, escritora sobranceira en Portugal, ou compiladores de contos tradicionais lusos como Adolfo Coelho, S. Romero, A. Oliveira ou L. Vasconcellos, recolleron incontables variantes desta historia por todo país e tamén polo Brasil. Nalgunha delas, os animais devoran a avoa, mais nesta adaptación elixiuse un final en que a vella e a neta, con enxeño, humor e imaxinación, conseguen superar os conflitos e dárllelo seu merecido ás tres feras.

Cun ritmo áxil e co «lenga lenga» —case un trabalinguas—, aínda vivo nas versións portuguesas que circulan ata o de agora, este conto multiplica as posibilidades expresivas da narración e da representación teatral.

Por último, André Letria, ilustrador de gran prestixio alén do Miño e gañador en varias ocasións do Premio Nacional de Ilustración de Portugal, crea personaxes de gran forza e personalidade, que dota dunha expresividade acentuada e dun imaxinario humorístico ben definido.

Texto de Eva Mejuto, a partir dun conto popular portugués.
Ilustracións de André Letria

Fonte da información: http://www.oqo.es/editora/es/node/75

2 comentarios:

  1. Unha gran celebración. Vese que o pasáchedes moi ben. Boa finde!

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Ana!
    Pasámolo moi ben celebramos o Samaín de forma amena e divertida.
    Unha aperta e desexamos que acabes de pasar unha moi boa fin de semana.

    ResponderEliminar